Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta destaca en Santa Comba a capacidade da mocidade para innovar, emprender e xerar riqueza na comarca de Xallas


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, clausurou hoxe a II Xornada de Emprendemento e Innovación organizada polos alumnos do curso de creación e xestión de microempresas dirixido a persoas desempregadas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, clausurou hoxe en Santa Comba a segunda edición das Xornadas de Emprendemento e Innovación organizadas polos alumnos e alumnas do curso de creación e xestión de microempresas que estivo dirixido a persoas sen emprego. Neste foro, Marnotes destacou a capacidade da mocidade para innovar, emprender e xerar riqueza na comarca de Xallas.

O director xeral salientou, así mesmo, a importancia de contribuír desde as administracións á incorporación ao mercado laboral do talento galego poñendo á disposición das empresas un proceso de selección único e innovador e dotando aos mozos e mozas dunha formación centrada en impulsar as súas habilidades persoais para que poidan desenvolver ao máximo o seu potencial como futuros profesionais.

O director xeral indicou, neste eido, que a Xunta está a apoiar aos mozos e mozas galegos para posicionarse mellor no mercado laboral a través da adquisición de novas competencias, de xeito que poidan incorporarse ás empresas ou tamén crear a súa propia idea de negocio.

Neste senso, Marnotes informou das ferramentas coas que conta a Axenda 20 para o Emprego para favorecer a incorporación dos galegos e galegas ao mercado laboral salientando o labor que se está a facer para adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego.

Entre as medidas que ten activas a Administración para a mellora da empregabilidade da mocidade galega resaltou o Programa de garantía xuvenil que ofrece formación, emprego ou contratos en prácticas aos menores de 30 anos e o Fórum Cicerón, unha iniciativa conxunta entre as consellerías de Economía, Emprego e Industria, Política Social e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na que mozos e mozas de último ano dun grao universitario adquiren novas habilidades co obxectivo de facilitarlles a transición a un emprego tras a finalización dos seus estudos.

A través de Garantía Xuvenil, existe tamén un programa para facilitar a inserción laboral dos estudantes, que ten como obxectivo principal propiciar que os alumnos de FP obteñan un contrato laboral no mesmo centro de traballo onde realizan as súas prácticas.